Blog Personal fundado el 9 de Enero 2006, por:

Blog Personal fundado el 9 de Enero 2006, por:
¡Viva la Libertad de Expresión!

sábado, 3 de diciembre de 2011

X X X II - ANIVERSARIO "Centro Cultural OUTEIRO"

Romayo dí unhas verbas no acto inaugural
Este sábado 3 de decembro 2011, conmemórase o XXXII aniversario da inauguración do "Centro Cultural OUTEIRO de Chanteiro".
Con tal fin celebrase hoxe unha Cea-Baile as 22 horas, amenizada co dúo musical D'CACHÉ.

Recordando tal efeméride, volvemos a facer un pouco de historia sobre a creación desta Sociedade, orgullo lóxico dos veciños de Chanteiro polo esforzo colectivo para a construción do edificio e a súa posta en funcionamento. Algo que hoxe en día xa non volvería a realizarse.

Os terreos en que se erixe a edificación foron doados polo chanteirés emigrado a Venezuela Agustín Pena. En principio os terreos estaban destinados, por desexo do doante, a construír neles as Escolas de Chanteiro. Un desexo, por outra banda común en todas a persoas que emigraron por necesidade e botaban en falta a cultura e instrución, que eles non tiveron, pero desexaban puidesen ter as xeracións que quedaban aquí.
Así sucedeu coas "Alianzas" de Ares, "Tenencia" de Redes "Centro" de Cervás e moitas máis na xeografía comarcal, que están cumplindo xa o centenario.

Desde a doazón dos terreos pasaran moitos anos, e os desexos expresos do doante non se cumpriran, por abandono das administracións públicas. E máis tarde, as disposicións dos organismos de Educación optaron pola construción de Grupos Escolares Comarcais Centralizados.

Entón, os veciños de Chanteiro, vimos que se podería dar cumprida a idea do doante de que os terreos fosen dedicados a "labores cívicos", e para ese efecto en 26 outubro de 1969, reunímonos sobre o mesmo terreo un grupo de veciños para ver a dedicación que podería darse á leira, que estaba xa escriturada a nome do concello de Ares, pero cunhas condicións e cláusulas que indicaban o fin a que debería ser destinada.
Grupo de veciños nos traballos da cimentación
Nesta asemblea veciñal xurdiu a idea de construír nestes terreos un Centro de reunión, cultura e esparexemento.
Esta idea trasladouse ao Concello de Ares e ao doante dos terreos que a acolleron favorablemente.
Posteriormente formouse unha Comisión Organizadora e asociáronse á idea un centenar de veciños.
Estableceuse xa unha couta mensual de 50 pesetas e o compromiso de levar a cabo os traballos polo sistema de "prestación persoal", traballando en quendas os días festivos.

Pero non había diñeiro para materiais nin ferramentas.
Abrindo as cimentacións
O Concello de Ares, presidido por Justo Montero acordou facer unha achega de cen mil pesetas que pagaría exclusivamente en materiais. Tamén xestionou outra axuda doutras cen mil pesetas da Deputación.

Isto foi unicamente co que se contou. Todo o demais débese a achegas dos socios e beneficios de barracas de bebidas que se instalaban durante as festas.

Fixéronse xestións e solicitudes de achegas ante a entón Delegación de Turismo e Fundación Barrié da Maza, sen ningún resultado.
Xa co ladrillo levantado, Eugenio Moncho, Manolo e Romayo
No principio, e co fin de obter algunha axuda ou subvención pensouse en fundar un "TELECLUB", que era o que puxese de moda o Ministro Fraga Iribarne.
Desde entón e aínda agora, algunha xente refírese a este Local Social de Chanteiro como "Teleclub", algo que nunca chegou a ser, aínda que si foi a idea primitiva.

Xa en etapa democrática, fixéronse intensas xestións na Delegación de Cultura. O entón Delegado Seijas Flores da UCD, prometeu medio millón de pesetas e tamén coa nova condición de que fose un "CENTRO CULTURAL", que era a moda, pero todo se esfumou. A subvención dixo logo que dependía de Madrid. (?).
Hoxe volverían enganarnos uns e outros para que fose a "Casa do Pobo" ou "Fogar de Breogán".
Mais tarde a que era Vicepresidenta terceira do congreso dos Deputados, a coruñesa María Vitoria Fernández España, prometeu facer xestións ante o Ministerio de Cultura no que mandaba o seu amigo Pío Cabanillas. E nada.
Fernández España tamén prometeunos, nunha reunión no Concello de Ares, doar unha biblioteca e tampouco o cumpriu.

En fin, os veciños sempre en solitario e de aí o mérito que supoñeu esa obra.

As obras do edificio comezaron en xuño 1970 e tiveron varias interrupcións, debido á falta de medios económicos, chegándose ata á necesidade dalgúns socios, ter que achegar algunhas cantidades da súa peculio particular en concepto de préstamo.
Traballos de fundicion e pilares
Legalizada a sociedade coa denominación de Centro Cultural Outeiro, se elixiu a primeira Xunta Directiva en 27 de febreiro de 1979.

E, por fin, o sábado 1 de decembro 1979 faise a inauguración.
Ao acto asistiron o primeiro alcalde de Ares desta etapa democrática, recentemente elixido José Cortiñas Gil, Delegado Provincial de Cultura novo e tamén da UCD Sr. Vidán Torreira e o poeta amigo desta sociedade Xosé María Pérez Parallé.
Tomando uns grolos nas gabias da cimentación
Pérez Parallé foi quen nos recomendou de que o "Centro Cultural" se chamase "OUTEIRO", por ser o nome do lugar onde tamén están a fonte e o río.

No acto inaugural, todos no uso da palabra resaltaron o labor levado a cabo polos veciños de Chanteiro e ofrecéronse para calquera iniciativa do Centro.
En nome do Outeiro falaron o presidente Manuel Doval Grela e o secretario Roberto Mayobre Rebón.
Estes directivos, elixidos para a primeira Xunta, xa o foran tamén durante os 10 anos da Comisión Organizadora, xunto con outros membros máis.

Actualmente o "OUTEIRO" conta con novos servizos tales como calefación, barbacoa e mesas  así como páxina WEB

1 comentario:

Comentarios